Wednesday 01 de May de 2024

O centro de FP Divino Maestro da Pobra pon en marcha Erasmus+ con 4 mobilidades internacionais de alumnado


A INSTITUCIÓN É BENEFICIARIA DUNHA ACHEGA DA COMISIÓN EUROPEA PARA EXECUTAR UN PROXECTO DE INTERNACIONALIZACIÓN NO ÁMBITO DA FP PARA A REALIZACIÓN DAS PRÁCTICAS NO ESTRANXEIRO

O centro de formación profesional Divino Maestro da Pobra do Caramiñal, especializado na familia profesional da FP de administración e xestión, presentou, ante a Comisión Europea, un proxecto de curta duración de Erasmus+ baixo o título “formación en centros de traballo para promover a inclusión dende o rural a Europa” e que ten por obxectivo facilitar novas oportunidades ao alumnado, concretamente para a realización das prácticas non laborais noutros países da Unión Europea. Con este proxecto de internacionalización o centro pretente alinear os seus obxectivos cos da escola europea, concretamente no relativo a converter Erasmus+ en dinamizador do centro, proxectar unha imaxe de calidade, mellorar a calidade da formación, ofrecer mellores oportunidades ao alumnado e profundizar nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostibles (ODS), especialmente no relativo á escola ecolóxica, inclusiva e non discriminativa.

A directora pedagóxica do centro, Chefa Bretal, referiuse ao programa Erasmus+ como “unha oportunidade para mellorar as competencias persoais e profesionais do noso alumnado. A experiencia permitiralles achegarse a novas culturas, outras linguas e outras formas de traballo que, sen dúbida, lles resultará moi enriquecedora e favorecerá a súa emrpegabilidade futura”.

No presente curso, o programa Erasmus+ vai permitir desprazar a dúas alumnas a Italia e outros dous a Portugal. No caso de Italia serán, as alumnas de ciclo medio en Xestión Administrativa Iraida Sanlés e Raquel García, as beneficiadas. Concretamente realizarán as súas prácticas na cidade de Boloña, no departamento de administración dunha empresa de formación. A súa estadía en Italia prolongarase dende esta semana a finais de xuño.

No caso das mobilidades a Portugal participará alumnado do ciclo básico en Servizos Administrativos. Concretamente, participarán Ainara Figueiras e Fernando Pérez, quenes se desprazarán á rexión de Oporto para traballar no almacén central da empresa de calzado Manuel Alves. Neste caso a súa formación práctica extenderase dende esta semana a finais de maio.

Dado que a totalidade do alumnado que vai cursar as súas prácticas non laborais no estranxeiro é menor de idade, será o profesorado do centro quen os acompañe nas viaxes de ida, para apoialos e para realizar as presentacións nas correspondentes empresas. A Italia desprazaranse as profesoras Chefa Bretal e Noemí Calderón e a Portugal farao a titora do clico básico, Beatriz Pérez. Así mesmo, durante a estadía, o alumnado continuará a súa formación lingüística no idioma local e que se está a desenvolver a través da plataforma de formación online da Comisión Europea, a EU Academy.

Así mesmo, a directora pedagóxica do Divino Maestro apuntou a que “para o vindeiro curso, temos solicitado un novo proxecto Erasmus+ que, ademais de mobilidades de alumnado, contempla a visita de expertos internacionais de Suecia e o desprazamento de profesorado do noso claustro para que poidan ver o funcionamento de centros doutros paises e mellorar a atención á diversidade que xa prestamos”.

Dende o centro de FP Divino Maestro agradecen a inestimable colaboración do director do IES da Pobra do Caramiñal, xa que foi el quen ofreceu a formación necesaria para implantar o programa Erasmus+ no noso centro.